Tiven a satisfacción de entrevistar a Maruxa Villanueva na Casa Museo Rosalía de Castro en Xullo de 1987.
Filla dunha mestra que non chegou a exercer, que foi quen a iniciou no canto, comezou a practicar o maxisterio de nenos á idade de 14 anos na aldea de Forraqueira, onde permaneceu un ano. En 1926, cando tiña vinte anos, emigrou a Arxentina seguindo a dous dos seus catro irmáns, aínda que coa intención de permanecer pouco tempo. En Bos Aires comezou traballando como dependenta de comercio no ramo da confección. Os contactos establecidos co matrimonio composto polo pianista vasco Juan Gueresta e a cantante galega Esperanza Blanco, que a escoitaron cantar, permitíronlle acceder desde 1934 a algúns contratos para participar en varias emisións radiais onde se presentaba como Maruja Blanco, nome que a súa irmá trocou polo de Maruja Villanueva. En 1936, o seu éxito como cantante, claramente recoñecida polos medios e por unha extensa nómina de admiradores no seo da colectividade galega, ademais dalgunha incursión puntual no mundo do teatro, levárona a abandonar a última das casas comerciais onde traballaba. Consagrada totalmente ao canto e tamén á escrita de moitas letras dos temas musicais que interpretaba, convertida na auténtica “raíña do alalá” durante a Guerra Civil española, período no que trabara estreitos contactos co embaixador español en Bos Aires, Ángel Osorio y Gallardo, Maruxa colaborou moi activamente nas actividades a favor da República organizadas polo sector da colectividade emigrada que se decantara nese sentido.
Neses anos coñece ao que será co tempo o seu marido, o dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán, que daquela se iniciaba como autor teatral. Varela convidouna a cantar na estrea da súa primeira obra titulada “Se o sei… non volvo á casa” no Teatro Maravillas de Bos Aires, moi frecuentado pola colectividade galega. Era o ano de 1938 e así botaba a andar a Compañía de Teatro Aires da Terra, na que tamén participaba outro galego ilustre das artes escénicas, o ourensán Fernando Iglesias, máis coñecido como Tacholas. Dese primeiro contacto derivou unha relación profesional cada vez máis intensa, ata o punto de que Varela Buxán convenceu a Maruxa para formar unha compañía estable que levase o seu nome (Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva). Esta compañía puxo en escena, ademais de Os Vellos non deben namorarse de Castelao (1941), a práctica totalidade da produción dramática do autor da Estrada. Algunhas destas pezas, con Maruxa como primeira actriz, chegaron a ser representadas en máis de cen ocasións en teatros de Bos Aires e Montevideo, onde precisamente Maruxa casou con Varela Buxán en 1941. O matrimonio separouse temporalmente en 1946, xuntouse de novo catro anos despois e en 1958 produciuse a súa ruptura definitiva como parella, aínda que mantiveron unha estreita relación ata a morte do escritor.
Durante os longos anos que botou na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Xavier Bóveda, Ramón D.Villar, Castelao, Alberto Vilanova e sobre todo, coa pianista e soprano arxentina Maruja Iniesta.
En 1949, regresou á terra, non sin recibir antes unha gran homenaxe na Casa de Galicia de Buenos Aires. Aquí intentou reproducir as actividades culturais desenvolvidas na Arxentina, aínda que atopou moitas dificultades. A súa amizade con Otero Pedrayo deulle a oportunidade de facer unha actuación musical no Círculo das Artes de Lugo con grande éxito. A esta, e sempre introducida por persoeiros importantes da cultura galega, seguiron outras en Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. En 1953, retomou tamén a actividade teatral cuna pequena compañía, “Os Labregos”, dirixida por ela, integrada por xente nova da súa parroquia natal. Aínda que as actuacións que fixeron tiñan fins filantrópicos, a censura franquista rematou coa súa actividade.
Anos máis tarde, en 1958, desencantada polos problemas existentes en Galicia para desenvolver o seu labor, Maruxa volve a Bos Aires onde permanece casi catro anos. Prodúcese unha nova decepción, xa que na colectividade galega e na propia Arxentina, a actividade cultural decaera moito. Aínda así, durante eses anos integra o trío vocal “Rosalía de Castro”, xunto coas sopranos arxentinas Elsa de Zoppo, e a súa grande amiga Maruja Iniesta.
En 1962 retorna definitivamente a Galicia e despois dunha breve estadía na Barrela, instálase durante un tempo en Ribadavia cuns sobriños. Trasládase a Santiago en 1969 e pouco despois entra en contacto co Padroado Rosalía de Castro, participando na súa Comisión de Donas e colaborando na obtención de fondos para restaurar a casa da Matanza e facer o museo. Cando en 1971 o Dr. Agustín Sixto Seco foi elixido presidente do Padroado, propúxolle a Maruxa atender a Casa Museo, o que fixo viaxando desde Santiago, onde viviría ata 1974. Desde ese ano instalouse definitivamente en Padrón, dedicando todo o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converténdose nunha auténtica especialista no tema. Gracias á súa mediación, ao ano seguinte, Televisón Española emitiu unha versión de La hija del Mar.
En decembro de 1990 viaxou por última vez a Arxentina enviada polo Padroado para entregar unha axuda económica ao seu grande amigo e colega nos escearios teatrais, Fernando Iglesias “Tacholas”. Nesa ocasión a Asociación de Mos de Bos Aires fíxolle unha sentida homenaxe. Non foi a última, xa que polo seu labor cultural Maruxa Villanueva obtivo en vida moitas distincións. Entre outras, unha das máis entrañables, foi a homenaxe recibida na súa aldea natal da Barrela en 1991, o mesmo ano no que a Xunta de Galicia lle impuxo a Medalla Castelao. En 1993 foi nomeada presidenta honoraria da Asociación polos Dereitos do Emigrante Galego de Bos Aires. Recibiu tamén postumamente o premio María Casares de teatro.
Maruxa Villanueva, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 os noventa e dous anos de idade.